Thursday 25 de April de 2024

O Fórum Metropolitano acolle dúas novas proxeccións protagonizadas por mulleres para os ciclos “Heroes anónimos” e “Saíndo da fábrica”


“La francesita” (2017) e “Overseas” (2019) proxectaranse no Fórum Metropolitano de xoves a sábado ás 20.00 h, xunto coa sesión do espectador o sábado ás 17.30 h
O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), trae dúas novas proxeccións cinematográficas ao Fórum Metropolitano. O filme “La francesita” (2017) do director chileno Gonzalo Justiniano, proxectarase na sala Marilyn Monroe no marco do ciclo “Heroes Anónimos”, que se iniciou o pasado xoves 5 de maio coa proxección surcoreana “1987: Cando chega o día”. O ciclo xira en torno a persoas correntes que acaban por converterse en heroes, ben polas súas
accións cotiás ou por algún suceso inesperado.

“La francesita” trata a historia de Gladys (Nathalia Aragonese), unha moza chilena dun barrio marxinal de Santiago que vive o seu día a día como nai solteira, na compaña de súa nai. A través dela, o director amósanos a loita diaria de moitas mulleres que loitan diariamente para poder sobrevivir, tendo a cargo unha familia e sacándoa adiante de forma autónoma. A cinta recibiu o premio á Mellor Película no Festival Latinoamericano de longametraxes de Berlín (2018) xunto co galardón á Mellor Actriz no Festival de Cine Sudamericano de Marsella, onde tamén foi recoñecida co Premio do Público.

“La Francesita”, de 95 minutos de duración, protagonizará as sesións das 20.00 horas de xoves a sábado, así como a sesión das 17.30 horas o venres 13 e o sábado 14 de maio.

A situación das mulleres filipinas con “Overseas” (2019)
A sala Fernando Rey acollerá a proxección de “Overseas” (2019) da directora francesa Sung-a Yoon, no marco do ciclo de cine “Saíndo da fábrica” que iniciou este mes a súa 14 edición coa proxección do documental “Machines” (2016), do cineasta Rahul Jain. “Saíndo da fábrica” é un dos ciclos tradicionais do Fórum Metropolitano, que se inicia todos os anos no mes de maio con motivo da celebración do Día do Traballo, con películas seleccionadas para facer reflexionar ao público sobre a importancia dos dereitos laborais.

O documental, de 90 minutos de duración, retrata a situación das mulleres filipinas obrigadas a ir ao estranxeiro para gañarse a vida como traballadoras do fogar. Unha forma de escravitude moderna que Sung-a Yoon denuncia a través desta peza, na que segue a etapa de formación dun grupo de mulleres que se preparan para facer fronte a unha nova vida lonxe de casa. O filme foi galardoado en varios festivais europeos, con premios ao Mellor documental no Festival de cine de Varsovia (2019) ou a Mellor dirección no Festival de Cinema Internacional dos Hamptons (2019).

“Overseas” (2019) proxectarase na sala Fernando Rey e estará dispoñible para o público de xoves a sábado ás 20.00 horas, ademais doutra sesión o sábado ás 17.30 h. Logo da sesión do venres realizarase un posterior debate sobre os filmes, onde o público poderá compartir as súas reflexións sobre o mesmo.

Venda de entradas dispoñible na web
A compra de entradas para as sesións estará dispoñible na páxina web Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.

Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.